10/12/09

O chocolate con churros de Gregorio...

O mércores 10 congregámonos as temerarias que non tiñamos medo a nos converter en bolboretas, cascudas ou escaravellos. Gregorio estivo a observar a escea cando Grete nos convidou a fumeante chocolate con churros. Que non estiveches? Pois perdícheo!
Para xaneiro leremos Sin vuelta atrás de Jordi Sierra i Fabra; hai exemplares suficientes na biblioteca. Cólleo antes do Nadal.
Quizais sexades convocados a unha mini reunión nun recreo, estade atentos:)
Podedes ler a entrada que un membro do club escribiu en Letras Frescas (si, é o blogue da túa dereita, tica e xa entras)

9/12/09

Mércores 9, Gregorio invita a charlar...


O mércores 9 de decembro, a pesar dos temporais, dos exames, e outras molestias verémonos na biblioteca do MGB para comentar as nosas relacións con Gregorio. A consideración da súa familia, cotillear sobre a súa vivenda... Non parece oportuno comer nada, porque bichos seguro que haberá.

18/11/09

Un comezo de medo!

Hoxe, 18 de novembro, reunímonos os novos e vellos membros do club para conversar sobre Frankenstein; algúns non remataran a lectura mais aportaban a versión cinematográfica. Alí comentamos a dificultade da obra, a xénese, as referencias autobiográficas na novela, as diferentes versións (sobre todo a incorporación do narratario, o capitánWalton), a electricidade na época, o mito clásico de Prometeo... A criatura deu para moito!
Para sobrelevar o medo os lectores inxerían unhas pirulas extraídas dunha caixa vermella.
Os membros do club decidiron que a próxima reunión sería o 9 de decembro para charlar sobre A metamorfose de Franz Kafka. Tendes exemplares da obra na Biblioteca.

Se non asistiches, solicita o teu carné do club, terás prioridade para levar a obra proposta!
Seredes convocados para unha reunión nun recreo para escoller a lectura de xaneiro... Ide pensando.



2/11/09

De volta!!!



O club de lectura NA Estrada-525 comeza a súa nova andaina grazas ao poder de convicción (e sedución) dos seus membros máis veteranos. A convocatoria é para o mércores 18 de novembro ás 16.30 horas na biblioteca do MGB. Conversaremos sobre o Frankenstein de Mary Shelley. Se aínda non dispós dun exemplar, non dubides en preguntar na biblio: proporcionarémosche un.


Se desexas formar parte do club e aínda non te apuntaches, estás a tempo de facelo.

10/5/09

En maio, pola F de fantasía


O mércores 13 de maio falaremos de novela fantástica. Seguro que tes moito que aportar... dende as lecturas da infancia ate o xénero da ciencia ficción; todo vale menos o realismo puro.
Vémonos ás 16,30 na biblio.

14/4/09

O 15 de abril, exilio e emigración


O mércores 15 de abril, xusto á volta das vacacións de Semana Santa, verémonos para falar de obras "pola E" sobre exilio e emigración. Coma sempre a cita é as 16,30 na biblioteca do MGB.

En marzo estabamos cáseque tod@s

Na reunión do 18 de marzo estabamos cáseque todos para falar de novela de detectives e de intiga, é dicir novela policiaca ou novela negra. E descubrimos que non era a temática preferida dos lectores; aínda así comentamos a Camilleri, Mankell, Conan Doyle, Agatha Cristie... e houbo quen recomendou o cómic de Blacksad.
Mira na foto se te recoñeces;)

9/3/09

Segue a pista!

A próxima reunión, sobre a temática "D, de detectives e intriga", celebrarase no lugar e hora acordados.
Se formas parte desta sociedade secreta, lembrarás o día...
mércores 18 de marzo
(mércores 18 de marzo, shhhhh!!!)
Ollo cambiouse a data de reunión!

13/2/09

Foi de cómic!!

Este mércores (11 de febreiro) charlamos sobre as nosas lecturas de cómics. Na conversa descubrimos a novos adeptos ao xénero; lectores que os aborrecían porque asociábanos ás lecturas da infancia e que comentaron que descubriran propostas sorprendentes nos cómics para adultos. Neste grupo incluíanse obras con referencias históricas, sociais, intimistas...
Na listaxe de Letras Frescas atoparás os títulos lidos cos comentarios dos lectores. Entra, mira, cotillea...
Moitos destes títulos telos na biblio do MGB!

14/1/09

Boa (e non tan breve) a reunión

Sería pola extensión das obras ou polas vacacións que cáseque todos os membros do club comentaron máis dunha obra. As propostas foron do máis variado, dende Relato de un náufrago, ate O xiro postal.

Na conversa fíxose referencia a El hijo del acordeonista, porque a súa temática vinculouse á posguerra reflectida en Los girasoles...

Se desexas máis información ou deixar o teu comentario, consulta Letras frescas. É posible que a obra que queres comentar estea no historial do blogue porque xa aparecera en temáticas anteriores (por exemplo: 84, Charing Cross Road, Los girasoles ciegos...)


11/1/09

En xaneiro, lemos pola "B, de boa e breve"


O mércores 14 de xaneiro, ás 16,30, na biblioteca do instituto, estades convocados para comentar as lecturas do Nadal, os relatos ou novelas de pequena extensión.

Vémonos alí. Acordádevos de levar as obras, para velas, tocalas, sentilas...

Comezamos ben o ano!


O noso club de lectores acaba de recibir unha subvención da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para este curso 2008-2009. Xa estamos a facer as primeiras compras... Serán de cómic (para febreiro).

Alteridades alteradas...

Con certo (e evidente) retraso, damos conta dos textos comentados no mes de decembro: Como saliva en la arena, Un viejo que leía novelas de amor, Persépolis, Un burka por amor, películas: Babel, La boda del Monzón.

Dous membros do clube, que non puideron acudir, nos fixeron chegar as súas lecturas: Os papalagui, Aroma árabe e El antropólogo inocente.

Se desexas máis información, consulta as súas recensións e comentarios en Letras frescas.