11/12/08

Pola A, de alteridades


Neste curso decidimos comezar polo principio, por iso escollemos as nosas temáticas segundo a orde alfabética. O 17 de decembro vémonos ás 16.30 na biblioteca do instituto para charlar sobre "Alteridades: outras culturas, outras vivencias".

Se aínda non tes escollida a túa/s lectura/s podes consultalas no díptico da biblioteca (está no estante do club)... ou podes visitar a guía realizada pola FGSR http://www.sol-e.com/bancorecursos/guias/multi.pdf


Esperámosvos alí.

7/11/08

De volta!!! (e media)

O club de lectores NA Estrada-525 retoma a súa andaina neste curso. Reunirémonos o mércores 12 de novembro ás 16,30, na Biblioteca do IES Manuel García Barros, para presentármonos.


Para participar neste club precisas moi pouco:
- Ter entre 14 e 90 anos.
- Estar vinculad@ ao IES Manuel García Barros (podes ser alumn@, persoal non docente, pai ou nai dun alumno, ou profesor@).
- Compartir as túas lecturas cos membros do club.

Se necesitas máis información sobre o club, podes falar con Chelo, Juana, Mayte e outros participantes na edición anterior (Paulas, Abel, Alba, María, Fany, Raquel...)

Se queres participar e non podes acudir ese día, fala con Mayte.

Esperámoste. Vémonos alí.






27/6/08

Unha papoula máis outra papoula fan un campo




O mércores 25 de xuño a Asesoría de Bibliotecas Escolares reuniu en Santiago aos coordinadores de Clubs de Lectores en centros escolares de Galicia. Foi un ledicia descubrir a cantidade de persoas que deinteresadamente, ou moi interesadamente -polo pracer que produce- están a compartir lecturas con rapaces, pais, profesores...


Alí comprobamos a calidade das propostas xeradas dende os diferentes centros, ben dende as mesas de experiencias, ben nos materiais presentados ou nas intervencións espontaneas dende o público. O aprendido nestas xornadas tentaremos aplicalo no próximo curso.






24/6/08

Fin de traxecto... temporalmente

O 4 de xuño reunímonos para compartir:

> lecturas sobre ou dende América Latina,

> cafés e pasteis,

> risas e fotos.

Aproveitamos tamén para avaliarmos o percorrido deste Club de Lectores e comentarmos o inicio da nosa próxima andaina, en setembro de 2008. Mentres, poderedes ir escribindo os vosos comentarios en Letras Frescas, lendo "Os imperdibles" (proximamente na pantalla do blogue) e ofrecer as vosas recomendacións de lecturas.

Boas vacacións lectoras!!!

25/5/08

O 4 de xuño: fin de festa



O 4 de xuño (ás 16,30 horas) reunirémonos na biblioteca do IES MGB.

O tema do que falaremos é "América, América... máis ao sur", é dicir, da literatura escrita dende América latina. Xa tés o díptico cas propostas?

Pero, como esta reunión será a última do club de lectores... polo menos neste curso académico... temos preparada unha sorpresa para todos os membros do club. Non a perdas!!!

4/5/08

O 7 de maio. Tema: " Amore, amore"


Neste mes no que -aquí en Galicia- esperamos que entre decididamente a primavera, invitamos a todos os lectores a compartir as súas lecturas sobre o amor.
Se a Fortuna decidise nesta estación do ano tan propicia, regalarche un amor, non quedes sen palabras... Moitos escritores antes ca ti xa buscaron as verbas máis axeitadas para manifestalo, susurralo, choralo, contalo ou soñalo.
Vémonos o 7 de maio, ás 16.30 na biblioteca do instituto.
Comentaba unha lectora do club que esquenceramos no listado inicial os títulos de O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas e Ben quere a Anna de Peter Härtling. Recorda que o díptico cas propostas xa anda por aí.
Disfrútao.

27/4/08

O Día do Libro, falamos de libros


Aínda que resulte redundante... non se nos ocurriu mellor forma de celebrar o Día do Libro que reunirnos para falar de libros, neste caso ca temática de "libros ao cadrado (ou libros sobre libros)". E sobre esta proposta os lectores aportaron achegas sobre La sombra del viento, La historia interminable, Los narradores cautivos, Dónde crees que vas y quién te crees que eres, Días de Reyes Magos, Los libros de la almohada, Firmin, algúns relatos de O único que queda é o amor, ... En Letras Frescas atoparás as recensións aportadas por todos os lectores, non as perdas! e recorda que ti tamén podes aportar os teus comentarios.
Ademais na reunión falamos do primeiro tomo das Memorias de Idhún, El curioso incidente del perro a medianoche, Mensaje cifrado e un álbum de A. Browne: En el bosque.

19/4/08

Celebramos o Día do Libro


O próximo mércores 23 de abril, celebraremos o Día do Libro falando de Libros que tratan sobre libros. As propostas son variadas... dende unha rata que comenta os seus percorridos pola librería na que habita, ate a herdanza dunha muller china; a compra de libros dunha obsesiva lectora que solicita por correo os títulos á súa librería favorita; a recreación das obras clásicas por uns profesores secuestrados nun hotel; a desaparición da lectura nun mundo imaxinario; un extraterrestre que non pode abandonar a forma de libro; un pai que proporciona lecturas ao seu fillo disfrazado; unha trama policiaca sobre a escrita dun libro; un profesor que da a ler El diablo cojuelo ao seu alumno; un libreiro que conta historias e que case ninguén escoita...
Cando remate a reunión, xa poderás facer coincidir estas breves aproximacións coa obra á que remiten. Sorte!
Os membros do club reunímonos o mércores 23 de abril ás 16.30 horas na biblioteca do insti mgb.

26/3/08

Falamos da novela epistolar...


Na tarde do mércores 26 charlamos sobre novelas epistolares; os títulos máis lidos foron Enderezo descoñecido e Cartas de inverno. Aínda que tamén se falou de "Cartas de mamá" en Las armas secretas, La amigdalitis de Tarzán, El color púrpura, 84, Charing Cross Road, Laluna.com e Cartas de amor. Se queres participar entra en Letras frescas (mira á túa dereita) e comenta as túas lecturas. Ollo! Enderezo descoñecido o atoparás no historial de Letras frescas, en febreiro.
Teremos que cambiar a data da próxima reunión (2 de abril), porque os profes asistirán ao claustro. Vémonos o 23 de abril. Vai lendo "Libros que falan de libros"; xa tés o quinto díptico?

22/3/08

O 26 de marzo "carteámonos"


O mércores 26 de marzo verémonos na biblioteca do IES para falar das lecturas sobre novelas epistolares. Non esquezas levar recado de escribir!
Xa podes incorporar os teus comentarios en "Letras frescas".

20/2/08

Falamos da II Guerra Mundial


O mércores 20 de febreiro estivemos a falar da II Guerra Mundial. As obras máis comentadas foron El niño con el pijama de rayas, El diario de Ana Frank, Enderezo descoñecido e Cuando Hitler robó el conejo rosa.
Como o tempo se nos fixo escaso e sabemos que algúns membros do club non puideron asistir, por participar nun curso para profes, podedes deixar os vosos comentarios en Letras frescas (xa sabedes, á vosa dereita).
Vémonos en marzo con "Escriu-me aviat...Escríbeme. A novela epistolar" Vos faremos chegar as propostas sobre o tema.

1/2/08

Vémonos o 20 de febreiro...


Xa que o 6 de febreiro é festivo no noso instituto, deixamos a reunión do club de lectores para o 20 de febreiro. Prepara as túas lecturas sobre a Segunda guerra Mundial para ese día.
Recorda que incorporamos Enderezo descoñecido de Kressmann Taylor ao listado.

23/1/08

As viaxes de xaneiro


Na última reunión sobre libros de viaxes, os membros do club falaron dalgunhas obras de interese (outras, as criticaron). Para ler os seus comentarios, vai ao vínculo a Letras Frescas (á túa dereita).
O próximo mes leremos sobre a Segunda Guerra Mundial.

13/1/08

Comenta...


No blogue Letras Frescas poderás comentar con maior facilidade as obras que vas lendo. Se ó título do que desexas falar aínda non está nas entradas, dinos cal é e o incorporaremos.Participa!!

9/1/08

Xaneiro de viaxe


O mércores 9 falamos de literatura de viaxes: dende Todos los puertos se llaman Helena, ate a Odisea, pasando por En el camino, Delicioso suicidio en grupo, Asústate, Merche! ou A expedición do Pacífico...
O 23 de xaneiro seguiremos a comentar obras de temática de viaxe. Unha lectora nos invita a ler Seda, de Alessandro Baricco... (tela a túa disposición na biblioteca do centro).

Celebramos que a Consellería de Educación concedeunos 1500€ para a posta en marcha deste club de lectores. (Publicado na páxina http://www.edu.xunta.es o 27 de decembro)
Xa estamos a matinar as prioridades nas compras. Pensa ti tamén que precisamos.